jueves, 30 de abril de 2009

Partidazo á vista

Para os que aguanten a resaca da festa da xuventude de Boqueixón o "Día da clase obreira", 1 de maio, pola mañá haberá prato forte: partido de fútbol Touro-O Pino ou O Pino-Touro, non sei...

A ver se conseguimos que o home dos deportes nos faga unha recensión de tan interesante competición.

SORTE!

martes, 28 de abril de 2009

Os bares de Touro cos labregos

Non fai falla lembrar a importancia que o sector primario ten no concello de Touro, pois unha porcentaxe significativa de veciños viven da produción de leite, carne, etc.

O xoves 16 de abril miles de gandeiros galegos manifestábanse en Madrid para demandar a posta en marcha dun plan urxente para o mantemento das explotacións leiteiras. Os restaurantes e bares de Touro non quixeron ser menos e fixeron un peche simbólico pola tarde como símbolo de adhesión e fraternidade cos gandeiros.

Aquí foto tirada da páxina do Sindicato Labrego Galego www.sindicatolabrego.com da manifestación en Madrid.

FOTOS GAÑADORAS

Fotografía gañadora da categoría de personaxes: José López Pérez (A avoa das Goritas)




Fotografía gañadora da categoría de natureza: Manuel Amador




Fotografía gañadora da categoría de patrimonio: José López Pérez (Pazo de Andeade, solaina)

viernes, 24 de abril de 2009

Morre debaixo do tractor

Morre debaixo do tractor

Un veciño de Touro de 89 anos precipitouse co vehículo por un
terraplén de cinco metros de altura e despois quedou atrapado

Un home de 89 anos faleceu onte pola tarde ao quedar atrapado baixo o seu tractor depois de que este envorcara no municipio coruñés de Touro. O suceso ocorreu no lugar de Sobredo, na parroquia de Foxás, pouco antes das 18.00 horas. Foi nese momento cando o servizo de urxencias recibiu a chamada do 061 e mobilizou o helicóptero do 112 con base en Santiago. Con todo, non tivo que trasladar a vítima, porque ao chegar ao lugar o médico confirmou a súa morte. O corpo da vítima permaneceu unhas horas no lugar á espera de que as forzas xudiciais procedesen ao levantamento do cadáver. A vítima é Manuel Cabo Vilas, que conducía o tractor con remolque e sen o arco de seguridade por unha pista cando caeu por un terraplén.
Dende aquí o noso máis sentido pésame á familia e amigos do finado.
Información textual de "De luns a venres" http://lv.galiciae.com/pdf_files/24042009compendio_4.pdf

jueves, 16 de abril de 2009

TES+BUS


TES+BUS

1.- ¿QUE É O TES+BUS?

O TES+BUS é un proxecto co obxectivo da promoción do transporte público colectivo en zonas de carácter rural.

A actuación TES+BUS consiste na utilización mixta dos servizos de transporte escolar público, de tal xeito que calquera cidadán das zonas onde se implanta poderá utilizar para os seus desprazamentos as rutas destes servizos.

O obxectivo do TES+BUS é facilitar os desprazamentos da poboación de zonas con escasos servizos de transporte público de xeito que, aproveitando o percorrido dos autobuses escolares, os habitantes dos lugares polos que estes discorren poidan acceder ás cabeceiras dos concellos onde, xunto cos centros escolares, normalmente se atopan os servizos básicos tanto administrativos, como sanitarios, bancarios, etc.

Foi precisamente o feito da escaseza de servizos de transporte público concesional xunto coa baixa densidade da poboación, un dos criterios seguidos para a elección das zonas nas que se implantará este servizo, aos que se engadiron outros criterios como a existencia nas rutas de transporte escolar de prazas libres e da figura da persoa acompañante e adulta que vela pola orde no interior do autobús.

2.- ¿EN QUE DATAS FUNCIONARÁ O TES+BUS?

O funcionamento do TES+BUS coincidirá cos días e horarios nos que se realice o transporte escolar en cada un dos cursos escolares.

3.- ¿CAL É O PREZO DO TES+BUS?

Os cidadáns que utilicen os servizos do TES+BUS aboarán 1 Euro por cada viaxe que realicen.

4.- ¿QUE NORMAS SE APLICAN NO TES+BUS?

No TES+BUS implantaranse unhas normas que rexerán na utilización conxunta dos servizos de transporte escolar, e que, en todo caso, primarán a súa utilización polos escolares.

- Viaxará unha persoa acompañante e adulta, que será a que regule a orde no autobús.

- Os usuarios poderán subir en calquera das paradas da ruta escolar

- Os usuarios poderán baixar en calquera das paradas da ruta escolar ou ao chegar ao centro educativo

- Non se poderá subir con vultos que, a xuízo da persoa acompañante, poidan entorpecer o paso.


5.- OUTRAS CONSIDERACIÓNS:

Parabens á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes e á de Educación e O.U., foi unha das poucas cousas que fixeron (ben).
Parabens a María del Carmen Paz Quinteiro, concelleira do PSdG no concello e a primeira que fixo a proposta.
Parabens ao goberno do concello por levar esta iniciativa a cabo.

Agora só queda sacarlle o máximo partido do único xeito que se pode facer, UTILIZÁNDOA.

Así que, se o precisas ADIANTE!

Quen queira baixar as rutas que faga click AQUÍ

Máis imaxes da entrega de premios e diplomas


Gañadores do concurso de fotografía


Gañadores do concurso de poesía

lunes, 13 de abril de 2009

Diplomas, premios fotografía poesía



ENTREGA DE PREMIOS (FOTOGRAFÍA E POESÍA) E DIPLOMAS

Venres 3 de abril, dúas da tarde, calor abafante. Unha morea de mulleres agardaban no salón de plenos a contos, e os participantes dos anteditos concursos gozaban dunha amena conversa na parte alta da casa do concello. Grazas por ese acto que serviu alomenos para poñer en contacto a xente creativa e con ganas de facer cousas.

Tiña lugar o pasado venres a entrega dos diplomas ás mulleres que fixeron un curso de atención a dependentes (unhas trinta) e a entrega dos premios de fotografía e de poesía. Cabe destacar a alta calidade de moitas imaxes presentadas (en breve mostraremos en Touro ao día as fotos gañadoras) e en poesía a escasa participación.
Facemos dende aquí un chamamento á participación neste tipo de concursos, que a xente se anime que seguro que ten algunha fotografía preciosa que presentar, ou seguro que escribiu algunha vez algún conto ou algún poema. Pois ánimo, comparte ese parte de ti con todos nós!

Do acto de entrega de premios tamén se pode comentar algunha cousa negativa, como a tardanza e impuntualidade do alcalde, así como a súa pouca interese, atención e coñecemento que demostrou ter dos concursos e demais actos culturais que organiza o Concello. Non ía ser todo rosas!