jueves, 13 de agosto de 2009

A gripe A anda preto: casos en Touro e no Pino

Segundo fontes non oficiais xa hai máis de media ducia de casos de gripe A entre os concellos do Pino e Touro, entre eles algúns nenos. Esa enfermidade que nun principio alarmaba só a poboación mexicana cruzou o charco e instalouse tamén en Europa. Dende aquela un día si e outro tamén os medios de “comunicación” falan de posibles infectados, casos confirmados, persoas hospitalizadas, mortes por gripe A, vacinas, etc. Parece que a gripe A nos persegue e nos acorrala: almorzamos gripe A nun xornal mentres tomamos un café nun bar, vemos o Telexornal do mediodía que nos ofrece gripe A de postre e o mesmo Telexornal tamén nos pon gripe A de cea para desfrutar coa familia. Esa enfermidade que parecía tan distante témola xa á porta da casa, mais é necesaria tanta alarma social sobre o tema? Hai algún interese oculto en que a poboación estea tan asustada?

No conxunto do Estado Español, que ten máis de 40 millóns de habitantes, faleceron unhas 9 persoas por gripe A. Todas elas padecían xa enfermidades crónicas (neumonía, bronquite, asma…). Hai logo tanta razón para alarmarse? Cantas persoas non morren ao ano porque se lles complica unha gripe común ao xuntarse coa vellez ou problemas do aparato respiratorio? É iso noticia todos os días a todas as horas? Non. Que sucede logo coa gripe A?

Vimos e estamos nunha situación de crise económica, polo tanto, ás farmacéuticas interésalles aumentar os beneficios e aos gobernos que a xente deixe de pensar na crise. E abofé que conseguiron ambas as dúas cousas. Non falaba hai uns meses todo o mundo da crise? Non parece que xa está algo esquecida é que se fala máis da gripe A? Por suposto que os gobernos teñen que comprar vacinas, igual que as compran todos os anos para vacinar de gripe común á poboación de máis risco. Agora ben, mentres tanto algúns partidos da oposición, para crear máis alarma e desacreditar ao goberno, piden que se compre un arsenal de vacinas para adminstrarlla ao 100% da poboación. Obviamente, as empresas farmacéuticas frotan as mans e intentan que a Unión Europea lles aprobe o prototipo de vacina canto antes sen que pase todos os controis que debería pasar. Aí está a cuestión de fondo e o porqué da tanta preocupación que nos queren transmitir.

Así que reláxense, vivan tranquilos e se notan os síntomas acudan ao seu médico de cabeceira.


No hay comentarios:

Publicar un comentario